O emblema esquecido

Miguel Anxo Fernán Vello e Ruth Varela reivindican a Flor de Santiago, traída a Europa desde América no século XVI, como símbolo da cidade e do país.

Poucas cidades do mundo teñen como símbolo unha flor. Florencia, co seu lirio, é unha delas. E Santiago de Compostela é outra. Aínda que os seus veciños non o saiban. A Flor de Santiago é moi valorada en Europa, pero unha descoñecida no lugar que lle deu o seu nome. Para pórlle fin a este esquecemento, a empresa Nidia Galicia elaborou un proxecto de investigación, que dirixiu a arquitecta compostelá Ruth Varela.

O baleirado de máis de 5.000 fontes documentais, dixitais, impresas e manuscritas, cunha cobertura lingüística que inclúe doce idiomas e unha amplitude cronolóxica que abrangue desde o século XVI ao presente, permitiu reconstruír a historia desta flor, orixinaria de México.

Coñecida polos aztecas, fascinou os conquistadores españois, que a levaron á metrópole. “A flor veu da Nova Galicia de México. Nos xardíns de aclimatación de Sevilla tentaron que se adaptase ao clima europeo. Desde o Círculo Erudito Sevillano, que eran humanistas vinculados a Felipe II, informaron por carta a Carolus Clusius, o gran botánico flamenco do século XVI. El denominuona Narcissus Indicus Jacobeus, como lle chamara o médico hispano-luso Simón de Tovar”, explicou Varela. -Pódese comprobar este dato nun artigo dispoñible en internet: http://rjb.revistas.csic.es/index.php/rjb/article/viewFile/283/278-.

Así, a flor chegou a Europa na segunda metade do século XVI e tomou o seu nome da insignia, en forma de cruz, que os cabaleiros da Orde de Santiago -entidade relixiosa e militar que protexía os peregrinos do Camiño de Santiago- lucían nos seus estandartes e nas súas capas: unha sorte de espada con forma de flor de lis en vermello intenso. “Especialmente un dos cabaleiros da Orde de Santiago, o biólogo Benito Arias Montano, amosa unha especial sensibilidade. Os manuais de decoración da Igrexa chegaron a incluír a flor, aconsellando utilizala cando se quixese simbolizar o Apóstolo Santiago. Mesmo houbo unha loita polo nome da flor cos protestantes”, indicou Varela.

O proxecto de investigación seguiu o percorrido da flor por todo o mundo. “Consultamos fontes do que hoxe son México, España, Portugal, Francia, Inglaterra, Rusia, Holanda, Romanía, Alemaña, República Checa, Finlandia, Hungría, Norteamérica… A flor foi avanzando por toda Latinoamérica, desde México. Seguindo as casas reais, as grandes fortunas, os grandes científicos… foi como fomos dando con ela. O presidente de Estados Unidos, Thomas Jefferson, coñeceuna…”, indicou.

Un dos portos polos que entraban os produtos das expedicións americanas era o da Coruña. “A flor dábase ben en Sevilla, pero en Pontevedra chegou a naturalizarse. Sarmiento tivo acceso a ela, a través dunha persoa que traballaba para súa irmá. No xardín do Campo da Leña, en Pontevedra, había desta flores… Tamén se cultivaba en mosteiros, como o de Poio. Falaron dela Emily Dickinson e Emilia Pardo Bazán. A flor servía para facer regalos excepcionais. No século XX, recóllena nun libro, Flowery Earth, que ten uns gravados marabillosos…”, engadiu Varela.

“En América e en Inglaterra hai moita devoción pola flor. Foi un símbolo de distinción, de gusto, de cultura e coñecemento. E o gran misterio era que, sendo unha flor tan valorada en Europa, non se coñecese aquí. Levamos máis de dous anos coa investigación, desde o 2007. Comezamos tras participar nunha exposición na Igrexa de Jacobins de Toulouse. Precisabamos recursos simbólicos, sobre o diálogo entre Santiago e Toulouse, e así naceu a busca…”, comentou.

“Consultamos moitas fontes, de historia da botánica, de historia de México, Galicia, Compostela, manuscritos, cartas… As cartas de Jefferson, por exemplo, e as de Sarmiento. Historias da paisaxe, da xardinería…”, salientou.

O escritor e editor Miguel Anxo Fernán-Vello é o responsable da coordinación cultural do proxecto de investigación. “Creo que a Flor de Santiago podería e debería proxectarse adecuadamente para ser un símbolo dunha das cidades históricas máis fermosas de Europa, como é a nosa cidade de Santiago de Compostela”, dixo.

A investigación complétase cun traballo do fotógrafo Pablo Carreño, que tomou máis de 2.000 imaxes da flor -cultivada a partir do bulbo, traído desde Israel- en Santiago, sobre todo na zona histórica.

DATOS

A cultura xacobea

Miguel Anxo Fernán-Vello lembrou como a flor foi parte das “formas e das imaxes recoñecíbeis da cultura xacobea, da cultura simbólica de Santiago”. “Eu creo que estamos diante dunha realidade material e simbólica de grande intensidade e de gran beleza, e se a flor se concibe como imaxe arquetípica da alma, moi ben pode contemplarse esta flor nosa como unha imaxe arquetípica de Santiago”, explicou onte, na presentación en Compostela do proxecto de investigación.

Un texto de García-Bodaño

O escritor e membro da Real Academia Galega Salvador García-Bodaño presentou tamén onte un texto inédito que lle dedicou á Flor de Santiago. “Poderíase afirmar que é a máis fermosa de todas cantas flores existen no mundo. Xunto ao seu nome máis común leva o apelativo que a funde co gran mito occidental da cristiandade e con aqueles seus destemidos gardiáns a cabalgaren coma o vento nas sendas xubilares do medievo”, di o texto, que salienta tamén a “estrutura harmónica e colorista” da flor.

TEXTO: M. DOPICO – SANTIAGO.    FOTO: LAVANDEIRA JR.

Galicia Hoxe 17/11/2009