Consellos básicos para o cultivo da Flor de Santiago

A Flor de Santiago é unha planta ornamental, con propiedades medicinais, que produce unha única e fermosísima flor solitaria de intensa cor vermella escarlata por cada talo (escapo).

DESCRICIÓN DA PLANTA:

  • Nome científico: Sprekelia formosissima (L.) Herb.Flor-de-Santiago-1-700
  • Nome vulgar: Flor de Santiago
  • País de orixe: México
  • Clima de orixe: subtropical
  • Tipo de planta: herbácea, perenne e bulbosa.
  • Tamaño da planta: entre 20 e 45-50 cm de altura.
  • Ambiente: interior / exterior.
  • Dificultade dos coidados: pouca
  • Duración da flor: 1- 2 días.
  • Hora de florescencia: tarde-noite.
  • Número de flores por bulbo: 1
  • Tamaño da flor: entre 13 e 18- 20 cm.
  • Cor da flor: escarlata intenso punteado cun finísimo e escintilante po dourado.
  • Forma da flor: flor solitaria con 6 tépalos vermellos en forma de cruz. As flores son bilateralmente simétricas, como as orquídeas. Os 6 tépalos son libres e moi similares; 3 erectos e curvados cara atrás e outros 3 colgantes cara abaixo.
  • Forma e cor das follas: verdes e estreitas como unha cinta.
  • Tipo de bulbo: bulbo globoso tunicado de cor parda escura ou negra e un diámetro aproximado de 5 cm.

CONSELLOS PARA O CULTIVO:

  • Época de plantación: En interior durante todo o ano. En exterior dende o inicio da primavera e até o principio do outono en climas suaves e húmidos. Rango de temperaturas de referencia: mínimas superiores a 10ºC e máximas inferiores a 35ºC.
  • Tipo de substrato: Livián, de moi boa drenaxe e rico en nutrientes. Por exemplo: 1/3 de area, 1/3 de terra de folla e 1/3 de manto de queiroa (brezo).
  • Tipo de maceta: A maceta será de aproximadamente dous litros, preferiblemente máis alta que ancha e con burato de drenaxe no fondo. As macetas máis axeitadas son as de materiais permeables e libres de substancias químicas.
  • Modo de plantación: Empregar unha maceta para cada bulbo. Plantar directamente na maceta deixando aproximadamente unha terceira parte do bulbo fóra do substrato. Poñer a maceta ao sol para favorecer a saída do brote de flor. A planta tardará entre 3 e 5 semanas en florecer dende o momento da plantación, sempre que as temperaturas estean estabilizadas e exista un mínimo de horas de sol ao día. Nos climas máis calorosos a flor sairá antes que as follas e nos climas suaves acontecerá á inversa. Neste último caso a aparición da flor pode demorar até 3-5 meses por mor das frescas nocturnas. Unha semana despois da primeira flor pode saír unha segunda e até unha terceira flor, de xeito moi excepcional. A maceta co bulbo pode quedar no xardín durante o inverno, sempre que quede protexida das xeadas e do exceso de choiva.
  • Rego:
  1. Abundante no momento da plantación.
  2. Escaso até que saia o brote de flor, pero sen deixar secar completamente o substrato.
  3. Moderado a partir da saída da flor e até que acabe o ciclo vexetativo da planta.
  4. Escaso dende un pouco antes da baixada das temperaturas, para preparar o período de repouso e/ou almacenaxe.
  • Emprazamento: Interiores con boa luminosidade. Xardíns domésticos abrigados. Emprazamentos exteriores con sol directo ou sombra lixeira.
  • Perigos: Roedores, lesmas e caracois que apetecen do seu rico bulbo e/ ou follas. O fungo stagonospora curtisii.
  • Preparación para o almacenamento dos bulbos: Antes da almacenaxe revisaranse todas as unidades para evitar gardar bulbos que non estean en perfectas condicións. A continuación cortaranse os talos, follas e raíces. Destas últimas deixaranse aproximadamente 5 cm sen cortar. Por último coidarase que os bulbos estean secos e limpos de terra.
  • Almacenamento dos bulbos: O bulbo pode quedar almacenado en bandexas, bolsas kraft, caixas ou outros sistemas que garantan a escuridade suficiente e o intercambio de vapor de auga. A temperatura de almacenaxe será preferiblemente de 9ºC e como máximo de 11-13ºC. O espazo de almacenaxe será independente e en ningún caso quedará compartido con outros bulbos, produtos alimenticios, froitas, etc. Asemade estará libre de olores fortes e substancias químicas agresivas. Non amontoar nunca máis de dúas ou tres pías de bulbos para evitar podremias.

Fuente: Elaboración propia cos datos observados en Galicia durante o período 2007-2010.

© Ruth Varela, 2009

Queda totalmente prohibida a reprodución total ou parcial deste documento, así como a xeración de obras derivadas, sen o permiso expreso da autora.