Recuperan a historia da Flor de Santiago

A planta orixinaria de México débelle o nome ao emblema da Orde dos Cabaleiros

Compostela, como Florencia, pode presumir de ter como emblema unha flor fermosísima. Se no caso da cidade toscana é un iris, a da capital galega é un Narcissus Indicus Jacobeus , primeiro nome botánico que recibiu en 1601 polo naturalista flamenco Clusius pola semellanza da flor coa cruz de Santiago que lucían xa daquela como emblema os Cabaleiros da Orde de Santiago.

A historia é moi antiga, pero redescóbrea agora Ruth Varela, arquitecta compostelá especializada en arquitectura efémera, da man e co impulso mediático dun ambicioso proxecto da empresa Nidia Galicia. A investigadora presentou a descuberta xunto co escritor e coordinador cultural do proxecto Miguel Anxo Fernán Vello, e co poeta e académico Salvador García-Bodaño, autor do primeiro texto en galego sobre a flor que aspiran a que se poda converter no símbolo de Compostela. Ata tal punto é así, que Fernán Vello apostou porque a administración a reclame como símbolo, «porque esta flor é a imaxe arquetípica de Santiago, e sería lóxico que a administración reclamase este símbolo».

A recuperación da flor abre, segundo Fernán Vello, «un novo espazo simbólico para a cidade de Santiago e o culto xacobeo». Subliñou que a flor ten, en si mesma, «a esencia da peregrinación», en referencia ao percorrido que fixo a planta ao longo dos séculos e ao feito de ter sido «a raíña dos xardíns botánicos», mesmo na Rusia dos Zares.

A flor, que brota dun bulbo, é orixinaria do altiplano de México, onde medra silvestre, pero formaba parte do tesouro botánico azteca, nos xardín do pazo de Moctezuma II, asociada a arte e á poesía. Chegou a España a finais do século XVI. Saíu de México en 1577 coa primeira expedición naturista española. Os bulbos viaxaron nunha arca de madeira do doutor Hernández, e floreceu en Sevilla, onde se plantou para aclimatala en xardíns privados, de persoeiros vinculados á Orde de Santiago. De aí o nome popular que recibe. Porque a flor ten seis pétalos, os tres superiores dispostos en forma de cruz, e dunha cor vermella intensa, exótica e solitaria emerxendo dunha única vara.

En Galicia está documentada a súa existencia no século XVIII en xardíns de Poio e da mesma cidade. Alí a descubriu Frei Martín Sarmiento, e alí consegue uns bulbos que planta e cultiva na cela en Madrid. Fala dela, e descríbea como unha flor «fermosísima que parece un lilium, pero no lo es». A Compostela chegou a finais do século XVIII, e floreou nos xardín conventuais. Ruth Varela asegura que tamén está documentada a súa existencia no xardín que tiña en Pitelos un cóengo da Catedral de Santiago no século XIX.

Na rica traxectoria desta flor, a investigadora tamén a sitúa en Norteamérica, a onde chega de volta de Europa polo prestixio que ten entre as clases burguesas. E chegou nada menos que á casona que tiña no estado de Virxinia o terceiro presidente estadounidense Thomas Jefferson, ao que agasallaron con tres bulbos, que seguiron cultivando e multiplicándose naqueles xardíns virxinianos. Pero ademais, documentou que a coñecían, porque falaron dela e mesma a tiñan en estima pola súa fermosura e simbolismo, desde Frei Martín Sarmiento a Emilia Pardo Bazán, pasando por Rousseau, Darwin e Emile Dickinson entre unha longa lista de nomes que citou Ruth Varela.

A investigadora baleirou para este traballo, un ensaio histórico con ramificacións científicas, máis de 5.000 fontes documentais comprendidas entre o século XVI ata a actualidade, e pescudou nun abano lingüístico de dez linguas. A esta documentación únese un traballo fotográfico de Pablo Carreño, que realizou máis de 2.000 fotos sobre a flor no casco histórico compostelán.

TEXTO: CONCHA PINO

La Voz de Galicia 17/11/2009