Unha flor para pór o ramo a un ano de libros

A proposta de Ruth Varela é un marabilloso libro de viaxes que esculca na memoria e que revela ou redescobre territorios diversos que reconstrúe con acerto e afonda no símbolo dunha ponte cultural entre Galicia e México.

Non resulta, en absoluto, común atopar unha publicación como esta que nos ocupa: Flor de Santiago é, indubidablemente, un deses grandes libros que pasan por diante de cando en vez e que entendo como unha verdadeira alfaia para pór o ramo a un ano de libros.

Pasar as súas páxinas convértese nun exercicio de descuberta e abraio continuo que sitúo desde a concepción inicial: pódese realizar unha abordaxe, cun discurso ensaístico divulgativo e solvente, sobre unha flor? Pódese, abofé que si, e ademais rodeada dunha execución brillante como resulta evidente ao ter o libro nas mans.

Ruth Varela atesoura aquí, e conxecturo sen medo a errar, a maior parte da información que pode ofrecerse hoxe arredor da chamada «flor de Santiago» e faino a través dunha perspectiva integral e exhaustiva na que conflúen con bo tino aspectos históricos, claro é, mais tamén simbólicos, culturais, científicos, antropolóxicos e lingüísticos entre outros, sometendo por un lado o seu discurso a un criterio de axilidade narrativa que resulta de agradecer e, por outro, iluminando a información cun notable corpus de ilustracións que completa visualmente este percorrido ao incorporar máis de cento cincuenta imaxes entre códices mesoamericanos, fotografías ou reproducións cartográficas de diferente orixe.

Flor de Santiago pódese ver, así pois, como un marabilloso libro de viaxes que esculca na memoria e que revela ou redescobre territorios diversos que reconstrúe con acerto, e sinalo tan só como exemplo os perfís dos Xardíns Botánicos Reais de Moctezuma II. Atravesa este libro, daquela, a historia probablemente descoñecida da atzcalxóchitl, así chamada en lingua náhuatl, unha flor sagrada para os aztecas que significaba «de esplendor vermello» pola súa cor e rodeada de simbolismo pola súa forma de cruz. Deste xeito afóndase no valor que lle outorgaban os pobos indíxenas do México antigo e o posterior interese que suscitou en naturalistas como Francisco Hernández ou no médico portugués Simón de Tovar, alén da sorte que correron diversos proxectos botánicos ou a cuestión nominativa que revela un relato cultural onde sobresae a admiración pola cultura e a lingua dos nahuas de onde procede. Unha flor que chora, en fin, nun proceso biolóxico fecundador, como fecunda é a súa historia agora desvelada con fortuna para proxectarse como símbolo inequívoco dunha ponte cultural entre Galicia e México.

Autora: Ruth Varela

Editorial: Colexio Oficial de Arquitectos de Galicia

Imaxe: Álvaro Ballesteros

© La Voz de Galicia,