Un estudo recupera do esquecemento a “maxestosa” Flor de Santiago

Chegou a España nunha arca de madeira na primeira expedición naturalista financiada pola coroa, no século XVI // A investigación repasou máis de cinco mil fontes documentais en doce idiomas.

“Exótica, solitaria e maxestosa”, a Flor de Santiago é, ademais dun “símbolo xacobeo”, a “imaxe arquetípica” da capital galega, segundo o proxecto de investigación elaborado pola arquitecta compostelá Ruth Varela e que contou co editor Miguel Anxo Fernán Vello como coordinador cultural. O proxecto, iniciativa da empresa Nidia Galicia, manexou máis de 5.000 fontes documentais en 12 idiomas diferentes, incluída unha lingua indíxena de México. Precisamente, a planta chegou a España procedente deste país a principios do século XVII.

Durante a presentación dos resultados da análise, Fernán Vello definiu a Flor de Santiago como unha “realidade material de grande intensidade e beleza”, e comparou a súa forma en cruz, con tres pétalos vermellos superiores e outros tantos inferiores, coa dos cabaleiros da orde de Santiago e a espada que estes portaban.

“É un símbolo xacobeo fermoso”, ademais de que “poucas cidades no mundo poden presumir de ter unha flor que a simbolicen”, recalcou. O editor fixo fincapé na “importancia” de “recoñecer” unha realidade que “caeu no esquecemento” malia “formar parte da cultura xacobea”.

Pola súa banda, a responsable do estudo, Ruth Varela, deu a coñecer o percorrido histórico e xeográfico da flor, que chegou en 1577 procedente do mexicano Reino de Nova Galicia e detallou que, en concreto, veu con “a primeira expedición naturalista” que financiou a coroa española. Fixo a viaxe “nunha arca de madeira” e a cargo do “doutor Hernández”. Ao chegar á península, bautizouse como Narcissus Indicus Jacobeus, apuntou Varela.

AS CLAVES

García-Bodaño dedícalle un texto

·· Segundo expón o estudo, unha vez en Europa, a planta, que en México chegou a cultivarse no xardín de Moctezuma II, estendeuse polos grandes xardíns reais e burgueses de Francia, Austria, Alemaña e Italia, entre outros lugares.

Máis de 2.000 imaxes modernas

·· O fotógrafo Pablo Carreño realizou máis de 2.000 retratos da flor. O poeta e membro da Real Academia Galega Salvador García-Bodaño presentou un texto inédito, titulado A Flor de Santiago. Ardente soño de distancias.

TEXTO: REDACCIÓN/E.P. – SANTIAGO.    FOTO: LAVANDEIRA JR.

El Correo Gallego 17/11/2009