Maxestosa, exótica e solitaria

Ruth Varela e Miguel Anxo Fernán Vello foron os encargados de recuperar a Flor de Santiago, unha especie lendaria da botánica que desde mañá ocupa o Espazo de Arte do Grupo Correo

Flor de Santiago, nome común que designa unha das flores “de maior be­leza e de maior pregnan­cia simbólica do reino das plantas”, é a protago­nista absoluta do proxecto expositivo que mañá se presenta, a partir das oito da tarde, na sala Espazo de Arte do Grupo Correo Galego.

Trátase dunha iniciativa nacida no marco do pro­xecto da USC Galicia en cartel, levada a cabo pola arquitecta Ruth Varela, e coa que se pretende “proxectar unha nova imaxe de Compostela de gran poder significante tanto na propia cidade como no resto de Galicia e do mundo”, segundo os seus artí­fices, a propia Ruth Varela e o escritor Miguel Anxo Fernán Vello, coordinador cultural da investigación histórica.

O acto contará coa presenza do presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo; o presidente do Consello da Cultura Galega, Ramón Villares, e o escri­tor e membro da Real Academia Galega (RAG Salvador García Bodaño, autor dun texto inédito sobre a Flor de Santiago, á que define como “un símbolo do roibén contra a pedra da resis­tencia e da esperanza”.

O proxecto recupera a Flor de Santiago do esquecemento no que caera e expona para convertela en “moderno símbolo da capital de Galicia”, din os seus promotores.

Non en balde, a flor, tal e como recordan o auto­res do proxecto, “toma ou seu nome da insignia, en forma de cruz, que os caba­leiros da Orde de Santiago lucían nos seus estandartes e capas, unha simulación de espada con forma de flor de lis en vermello puro”.

A mostra, que estará presidida por un exemplar da flor ó natural, recolle unha colección de fotos to­madas en varios lugares de Santiago e onde se reflicte a beleza desta flor que se concibe “coma imaxe ar­quetípica da alma”.

A Flor de Santiago (Amai­ryllis formosissima, ou o que é o mesmo, que res­plandece como a máis fer­mosa), preséntase no proxecto como unha flor exótica, solitaria e maxes­tosa, de extraordinaria beleza. Unha flor que é, ante todo, un elemento de comunicación simbólica, debido á súa cor vermella e a súa forma de cruz, e que gra­zas ó proxecto de Miguel Anxo Fernán Vello e Ruth Varela, recuperouse.

Unha recuperación que abre un novo espazo simbólico para a cidade de Santiago e para o culto xacobeo, e que tivo unha gran repercusión fóra das nosas fronte­iras, tal e como quedou pa­tente coa exitosa mostra Galicia en cartel celebrada na cidade de Toulouse. Exposición, por certo, que recibiu catro premios do COAG.

TEXTO: ANA IGLESIAS

Galicia Hoxe 23/5/2010