Flor de Santiago
Ardente soño de distancias

Flor de Santiago 2A suxestiva beleza da súa incríbel estrutura harmónica e colorista, veu xurdir entre nós co seu feitío fascinante dende os remotos horizontes do descoñecido e dende os espazos frondosos de ignotas xeografías, para converterse, nos nosos días, no símbolo floral da cidade de Santiago. Poderíase afirmar que é a máis fermosa de todas cantas flores existen no mundo. Xunto ao seu nome máis común leva o apelativo que a funde co gran mito occidental da cristiandade e con aqueles seus destemidos gardiáns a cabalgaren coma o vento nas sendas xubilares do medievo. Apareceu talmente saída de entre as láminas intanxíbeis dun tempo manuscrito e debuxado, para enraizar no misterio da antiga urbe levítica construída de choiva e sol e pedra, de sol por entre a choiva, de pedra e de sol a enmarcar as sombras e as voces. Como xerminada do intenso roibén dalgúns lentísimos solpores contra a alzada levedade das graníticas fachadas barrocas do Obradoiro, rutilantes na luz da noite que chega a se esculpir baixo o claror do recanto absidal das estrelas. Porque a Flor de Santiago é mesmo como un deses grandiosos segredos da natureza que os alquimistas tentaban desvendar nos albores da ciencia, un enigma de ardente cromatismo na súa airosa arquitectura vexetal rítmica, case unha íntima melodía de silencio na beleza da polpa púrpura da súa evanescente presenza.

A planta que nos agasalla con tan marabillosa flor veu entre as recollidas –xunto con innumerábeis produtos, sementes e obxectos aquí xamais vistos– cando a relevante misión científica naturalista enviada a ultramar polo monarca Felipe II, comandada polo ilustre médico e botánico Francisco Hernández, e foi rexistrada inicialmente co nome de Narcissus Indicus, en 1577. A revelación, sen embargo, ou primeira descrición textual desta flor –considerada, logo, pola inmensa maioría dos seus estudosos como dunha aparencia fermosísima– débese ao médico luso-hispano Simón de Tovar, poderoso comerciante de mercadorías mediterráneas e daquelas outras que eran transportadas, por intrépidos mareantes ou negreiros, nas bodegas das naves que volvían das exóticas rexións do ultramar descuberto había cen anos. A el tamén se lle debe ter ampliado a primeira denominación cunha alusión ao feito xacobeo: esa estratéxica crenza case máxica entre fazañas de reconquista e tensións pontificais. O seu nome acabado de pronunciar foi levado a se espallar entre os pobos europeos polos vieiros da comunicación científica e da peregrinaxe, estendéndose como fondas raiceiras ecuménicas a se proxectaren dende o lugar onde se tiña producido a invención dos restos apostólicos no atlántico Reino de Galicia.

Posuidor de curiosos coñecementos das plantas novidosas, nunha carta de 1596 Tovar faille saber ao botánico franco-flamengo Charles de l’Ecluse, ou Carolus Clusius, que está a preparar un catálogo onde se deixa constancia dunha especie chamada Azcalxóchitl ou bulbo da flor vermella (en lingua azteca náhuatl), e xera un feble conxuro cromático de fascinación ou de sensación de encantamento. “A súa raíz bulbosa –descríbelle– tira a negro no exterior, de cuxa base colgan moitas fibras algo pesadas e de color que leva a escuro; da súa parte superior sáenlle moitas follas que esparexen pola terra, grosas, oblongas, semellantes aos pámpanos, de cor verde tamén escura. Polo medio destas emerxe un só talo de cor vermella intensa, de nove polgadas ou un pé de alto, oco e esponxoso no seu interior, redondo e delgado. Remata este nunha flor moi grande dunha cor vermella subida, de tal xeito que a súa forma e a súa cor lémbranme a espada que levan os Cabaleiros de Santiago na súa vestimenta, e de aí que eu pensara en lle dar o nome de Narcissum Indicum Jacobeum”. Nunha nova carta, xa floridos os bulbos no seu horto sevillano, faralle unha descrición máis detallada do narciso ao que el lle puxo nome. Este cualificativo, que acadou gran difusión popular, acercou á flor fermosísima a formar parte do imaxinario de referencia xacobea, pois que ademais cómpre ter en conta que a fusionada Orde Militar dos Cabaleiros de Santiago se fundou no mosteiro de Santa María de Loio, no s. XII, en Cortes, comarca galega próxima a Portomarín, sobre o camiño francés, lugares recollidos en vetustos pergameos e historias de peregrinos. E mesmo de antano sobresae como insignia visíbel sobre os negros hábitos talares canonicais, ou a ambos lados do nicho que protexe a estatua do Apóstolo Peregrino na catedral compostelá, suxeríndonos no luscofusco esa asombrosa visión cromática da escuridade da cápsula bulbar e a cor rubia luminosa da súa eflorescencia.

Moitos outros botánicos utilizarían esa adxectivación que a caracteriza e lle confire ese trazo primordial da esencialidade de Compostela: así Pierre Vallet, en 1608, co Lilio Narcissus Indicus flore rubro Vulgo Jacobeus, ou o Narcissus Indicus flore rubro Vulgo Jacobeus, no anovador libro botánico “Le jardin du Roy Tres Chrestien Louis XIIII, Roy de France et de Navare, dedie a la Royne Mere de Sa Maieste”; John Parkinson, en 1629, co Narcissus Iacobaeus flore rubro; ou como De Bry, en 1647, nalgunha variedade como o Narcisssus latifolius Indicus rubro flore vulgo Iacobeus; e Robert Morison, en 1680 co de Lilionarcissus Jacobaeus latifolius Indicus rubro flore. Foi, deste xeito, que os nomes vulgares xurdidos desa nomenclatura santiaguista arraigaron en moitas linguas europeas como se ten publicado: español (Flor de Santiago, lirio de Santiago, capa de Santiago, encomienda de Santiago), francés (Lis de Saint-Jacques, Croix de Saint-Jacques), inglés (Jacobean Lily, St. James Lily) alemán (Jakobslilie) finés (Jaakopnlija), húngaro (Jakabliliom) checo (Jakubská lilie), portugués (Lírio de São Tiago), etc.

Acaso o último fitólogo, estudoso das plantas, que lle atribuíu un nome deste teor teña sido Johann Jakob Dillenius co de Lilio Narcissus jacobaeus, flore sanguíneo nutante, en 1732 no seu “Dillenian Herbarum of Hortus Elthamensis”. Ou, dende logo, John Hill, en 1759, co Jacobaean Amaryllis, pois que a denominación científica dos espécimes desta caste xa viñan recibindo dende seis anos antes, en 1753, polo botánico sueco Carl Linnaeus (Karl von Linné, ou en español Carlos Linneo) o apelativo Amaryllis formosissima, utilizando a súa paradigmática designación binomial, ou de doble nominación (xénero e especie). Finalmente, e ata a modernidade, adoptarían a forma definitiva de Sprekelia formosissima, dada, segundo parece, polo Rvdo. William Herbert, botánico e literato inglés, en 1821. Unha longa andaina a desta nosa flor peregrina, de non doado seguimento nas permanentes e imposíbeis néboas do pasado, que arribou das descubertas singraduras no poñente ultramarino ata os antigos camiños que a levaron a se estender cara ás máis lonxanas urbes de Europa, e dende os vellos almacéns dos mercadeiros e os escritorios e hortos dos botánicos e nos coidados xardíns dos palacios, para se ir cultivando e difundindo por viaxeiros e correos en fardeis e alforxas e fardos ou malas de viaxe ata os seus dispares destinos no Vello Continente.

Nuns lonxincuos días sen datar, entre os finais renacentistas e o andar da Ilustración no que se refire ao estudio da natureza, da bioloxía e da botánica, algúns exemplares da flor desta especie comezan a se manifestar en Galicia, váiase a saber chegados polos estraños arcanos de que rotas circunstanciais e que itinerarios nunca descritos, que vías peregrinas ou insondábeis azares. Vén traída dende a fecunda vasteza das Indias Occidentais aos pagos apostólicos tal que a esta patria tanta vida distante e tanto saber e lendas aquí chegaron. Sábese, xa de certo, que cando fixo a súa segunda viaxe a Galicia, terra familiar e entrañábel para o ilustre e sabio frade bieito Martín Sarmiento (1695-1772), figura sobranceira no saber ilustrado, incansábel andador de légoas e légoas de camiños sempre levado da paixón colectora de palabras, de plantas e roteiros, soubo desta flor na comarca pontevedresa segundo comenta no “Catálogo de voces vulgares y en especial de voces gallegas de diferentes vegetables” (1754-1758), dando noticia de ter visto esta fermosísima flor en Pontevedra, nunha horta do mosteiro de Poio antes de ser abandonado polos beneditinos, e así llo había comunicar ao seu bo amigo Joseph Quer y Martínez, distinguido cirurxián consultor do Exército e eminente botánico.

Amizade que subliña o insigne fitoloxista C. Gómez Ortega, gran promotor ademais de expedicións científicas, ao falar da viaxe que Quer fai a Galicia en 1761 e se referir ás bondades da patria galega “cuxas riquezas naturais, lle ponderara, xustamente, o seu íntimo amigo o P. Fr. Martín Sarmiento”. A respecto daquela viaxe e da nosa flor, Quer lembra, no apartado dedicado ao Lilio-narcissus Jacobaeus, que a viu “copiosamente en Galicia en la Villa de Pontevedra, en tierra, y al aire libre” e que florece en xuño e xullo. Dísenos, así mesmo, que tamén se atopaban no xardín de Joseph de Castro, de quen se sabe que era auditor da Provincia Marítima de Pontevedra. O Pai Sarmiento seica que naquela estadía recolleu un bulbo e o levou para plantar na súa cela conventual, agardando ansiosamente que a prodixiosa eflorescencia se producise como quen cultiva un soño efémero nun testo de silencio.

En relación coa urbe universal, converxencia de esperanzas e de sendas peregrinas, aínda é posíbel que na súa intrahistoria se garde a vaga certeza da presenza de novas flores no recinto cidadán. Xorden entón derredor do eminente botánico, de orixe francesa, o abade Pierre André Pourret, cando andados xa os anos veu de Madrid (logo de ser subdirector do Jardín Botánico) para Galicia, primeiro a Ourense como cóengo da catedral en 1804 ata fuxir ao mosteiro berciano de San Pedro de Montes por mor da invasión napoleónica en terras galaicas (Izco&Álvarez,1996); despois a Compostela, en 1814, cunha coenxía e onde tamén deu clases abertas (un mozo Ramón de la Sagra acudiu a elas) ata acaecerlle alí a morte en 1818. Na estadía compostelá, cóidase que viviu extra muros, nunha casa da rúa de Pitelos (entre a Costa e o cruceiro do Castrón de Ouro e o fondo da Horta da Inquisición coa rúa do Hórreo), cun eixido cara aos campos que descendían para o val do Sar, e no que tiña un coidado xardín con outras diversas especies. Pourret coleccionara ao longo do tempo un valiosísimo herbario duns oito mil plegos de vexetais, cedido ao Colexio de Farmacia de Santiago na súa fundación en 1815 e, á súa clausura temporal, levado para a Facultad de Farmacia da Complutense madrileña, de onde nunca máis se devolvería.

Perdido no decorrer do tempo e nas mudanzas do fado, o novelo co fío histórico deste soberbio relato de interrompidas secuencias, case fantástico, ficou a se esquecer e a fermosa flor con el. Na actualidade, inesperadamente, como ás veces xorden as cousas marabillosas, por fin reaparecería,. Hai un ano a Flor de Santiago fíxose visíbel no contexto da espléndida exposición “Galicia en cartel”, celebrada arredor do pé da elevada columna con copaxe de arcos e oxivas (a ‘palmeira’) de pedra en gótico languedociano, que abeira a atraínte ábsida da Église des Jacobins, en Toulouse. Foi como atopar unha parte misteriosa do pasado. E dende aqueles espazos antigos de polícromas transparencias vitrais, a Flor de Santiago vén arestora ata nós a protagonizar a súa exhibición natural e a súa propia historia, na mostra magnífica que arrequece e reactiva a nosa memoria nos espazos onde, aquí tamén, a luz de altismas fiestras estreitas alumea un fermoso sosego de soidades góticas florido de oxivas. O escenario focalízase no cruceiro e na cabeceira de tres ábsidas, a central e as laterais baixo airosas abovedas de cruzaría que fan pétreo dosel protector e ornamental para esta singular especie floral de delicado encantamento a alumar con tonalidades granates o entorno do tempo penumbral alí recollido. E, alzándose, aí está a Flor de Santiago, un símbolo do arrebol contra a pedra da resistencia e da esperanza, como unha chama do altar do sol na fisterra galega, vermella luz crepuscular do aire chegado de todos os camiños que traen a Compostela, ardente soño de distancias.

© Salvador García-Bodaño, 2009

Queda totalmente prohibida a reprodución total ou parcial deste documento, así como a xeración de obras derivadas, sen o permiso expreso do autor.