De «atzcalxochitl» a flor de Santiago, unha viaxe narrada pola autora Ruth Varela

De «atzcalxochitl» a flor de Santiago¿Por que o nome dunha flor? ¿Por que o nome de Santiago asociado a ela? ¿Por que é un obxecto de culto para as clases europeas? Esas son algunhas das preguntas que se fixo hai dez anos a arquitecta compostelá Ruth Varela e ás que lle deu resposta no libro Flor de Santiago, que onte foi presentado no Paraninfo da Facultade de Historia. O fío argumental do ensaio remóntase ata o século XVI para narrar como a flor sagrada dos aztecas, atzcalxochitl, se acabou convertendo na flor de Santiago tras ser descuberta e rebautizada polos españois. Un xeito tamén de simbolizar a relación entre México e Galicia, entre América e Europa.

«A flor de Santiago está rodeada de memoria, de historia, de misterios e de beleza, un suxeito histórico apaixonante (…). A flor de Santiago é un ser vivo, pero sobre todo un ser histórico, un ser poético e un ser simbólico», destacou a autora, que para a obra revisou durante unha década máis de 5.000 fontes bibliográficas. Máis de 40 museos de Europa e América cederon imaxes que se inclúen entre as 150 ilustracións que tamén recolle o traballo.

«Un novo símbolo»

A autora Ruth Varela estivo arroupada durante a presentación por representantes de diferentes institucións e tamén por membros do Colexio de Arquitectos de Galicia (COAG), entidade que coedita Flor de Santiago.

«O maior recoñecemento para a autora é porque nos dotou dun novo símbolo. En Compostela xa temos unha flor que simboliza o feito xacobeo», destacou durante a presentación o presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijoo, facendo fincapé tamén no parecido que mantén a flor coa cruz da orde de Santiago. Indicou que tratarán de incorporala no Ano Santo 2021.


santiago / la voz