Convierten la Flor de Santiago en obra de arte

A sala do Grupo Correo Galego acolle unha mostra que reivindica esta planta como símbolo da cidade

Formou parte do tesouro botánico azteca e estivo presente nos grandes centros cerimoniais de Mesoamérica. Así arranca a historia da Flor de Santiago, segundo o estudo de Ruth Varela en torno ao que xira o proxecto expositivo inaugurado onte na sala Espazo de Arte do Grupo Correo Galego, nun acto presidido polo xefe do Executivo galego, Núñez Feijóo, que o cualificou de “grande acontecemento”.

A mostra, articulada en torno a un exemplar ao natural da flor, que se exhibe no centro da sala, inclúe seis fotos de Pablo Carreño coas que se quere “reivindicar a flor como símbolo da cidade”.

Tras as palabras de benvida do presidente do consello de administración do Grupo Correo Galego, Antonio Castro, que cualificou de “milagrazo” a recuperación da planta, o escritor Miguel Anxo Fernán-Vello celebrou “esta xoia recuperada, esta alfaia dá natureza que por vez primeira na historia contemporánea, volve medrar e exhibirse”.

Trátase, dixo, dunha flor que “regresa na historia e no tempo na súa feliz materialidade”, xa que, como recordou, “os seus primeiros bulbos foron localizados en Israel grazas a un proxecto de investigación e de recuperación simbólica con máis de cinco mil fontes documentais revisadas en doce idiomas”.

A investigadora Ruth Varela, pola súa banda, dedicou a súa intervención a repasar os pasos claves da súa investigación, percorrendo a historia da planta.

Finalmente, o presidente da Xunta pechou o acto felicitando aos artífices do proxecto por “converter esta flor na expresión dun sentimento colectivo” e á cidade de Santiago “porque poucas cidades do mundo poden presumir de ter unha flor que a simbolicen”.

aiglesias@elcorreogallego.es

García-Bodaño destaca o seu “suxestiva beleza”

TEXTOS LÍRICOS. O poeta e membro da Real Academia Galega coñeceu a historia da Flor de Santiago hai ano e medio. Autor do primeiro texto moderno sobre esta especie, García-Bodaño reivindicou a necesidade de “apoderarnos del, porque é todo un símbolo que chegou ás nosas mans por distintos camiños e non pode perderse”. O poeta aproveitou a súa intervención para ler un fragmento do texto que escribiu sobre unha flor da que destacou “a suxestiva beleza dá súa incríbel estrutura harmónica e colorista”. Para o poeta, podería dicirse que a Flor de Santiago é “a máis fermosa de todas cantas existen no mundo. Xunto ao seu nome máis común leva o apelativo que a fonde co gran mito occidental da cristiandade e con aqueles seus destemidos gardiáns a cabalgaren coma o vento nas sendas xubilares do medievo”.

Para Villares, é unha ponte “entre Europa e América”

“O MILLOR DE AMBOS”. Como “unha ponte entre Europa e América” definiu onte o presidente do Consello da Cultura Galega (CCG), Ramón Villares, á Flor de Santiago, xa que ao seu xuízo “a cultura de Occidente non sería posible sen a americana e ó revés”, polo que a flor resume “ese encontro entre dous mundos e recolle o mellor de ambas culturas”. Para o historiador, é importante “non só recoñecer o traballo de investigación levado a cabo por Varela”, senón tamén “o propio acto de presentación da Flor de Santiago, polo seu gran poder simbólico”. Villares recordou “o trafego continuo entre Europa e América e a estreita relación de Galicia con ese intercambio”, e sinalou que “as flores son un alimento para o espíritu”. Sorprendido pola tardanza do seu descubrimento, asegurou que “sería pouco axeitado que non fixeramos uso dela”.

CONVIDADOS AO CÓCTEL

•••Máis dun centenar de persoas asistiron ao cóctel de presentación da ‘Flor de Santiago’ na sala do Grupo Correo Galego, onde o presidente da Xunta, Núñez Feijóo, aproveitou para intercambiar impresións sobre este fermoso exemplar. Entre os convidados non faltaron membros do consello de administración como Manuel Martínez Antelo, José Peña Guitián e Hernández Pasín, así como varios membros da Corporación municipal, políticos, empresarios e nomes da cultura. López-Barxas, José Mosquera, Amalia Jiménez, García Iglesias, Celso e Anxo Currás, Pérez Quintana ou Piar Corredoira foron algúns deles.

AS CLAVES DA MOSTRA

Proxectos. Ruth Varela explicou onte os inicios deste proxecto de investigación en 2007 “en paralelo a outro proxecto expositivo da USC, ‘Galicia en cartel’, que levou esta flor á cidade de Toulouse, onde foi admirada por máis de 26.000 persoas”.

Orixes. Orixinaria de México, a flor viaxou a España e en 1577 foi bautizada como ‘narcissus indicus jacobeus’. Estivo nos xardíns máis importantes de Europa e posteriormente nos xardíns privados de Thomas Jefferson, Joseph Paxton e Emily Dickinson.

“É imposible mirala sen admirarla”. Así finalizou a súa intervención Ruth Varela, tras asegurar que entre os que deixaron constancia desa admiración figuran Rousseau, Göethe ou Pardo Bazán. Á cita de Ruth quíxose sumar onte tamén o presidente Núñez Feijóo.

Regalo. A sorpresa do acto chegou da man do fotógrafo Pablo Carreño e a investigadora Ruth Varela, que obsequiaron os convidados cun bulbo desta flor, “exótica e maxestosa”, xa que o seu desexo é que “estea nas casas de todos os composteláns”.

TEXTO: ANA IGLESIAS – SANTIAGO

El Correo Gallego 25/5/2010