A flor peregrina

A Flor peregrina bigO Camiño de Santiago empeza en Berlín e remata en Lalín. Unha flor –bonita, pequena e maxestuosa– decide facer o Camiño para sentirse máis forte, máis segura, máis elegante na vida. Os hoteis polos que vai pasando fan que ela se sinta como unha auténtica ninfa dos bosques. Ten tantas ganas de chegar a Lalín! Soña, e suspira, porque é unha flor peregrina.

Cando a flor chega á catedral de Lalín, ten que facer moitísima cola e ten que pasar por un escáner como se fose entrar nun avión. A grandísima nora que estaba situada na Alameda de Santiago marchou para Lalín e agora as flores peregrinas soben á nora e fan tres viaxes porque esa é a mellor forma de gañar o Xacobeo. Cal é o verdadeiro sentido da peregrinación? A flor sabe, como se fose un misterio, que camiñar é a mellor forma para estar en paz co mundo, cos seres humanos e con Deus.

A vida da flor peregrina en Berlín era triste, aburrida, e cando decidiu camiñar durante días enteiros e noites, descubriu que ela estaba menos soa no mundo. A súa imaxinación abreuse como un pozo de verdades e mentiras. Descubriu o valor da entrega, a ilusión de horizontes abertos. Todos os camiños levan a Lalín. Na entrada do xornal EL CORREO GALLEGO podemos mirar, e admirar, unha exposición na que esa flor peregrina é unha raíña por uns días. Vemos a Flor de Santiago, que a arquitecta Ruth Varela propón como nova imaxe da cidade. Esa flor é humilde, sabia, evanescente. Semella que está viva e morta ao mesmo tempo. É tan delicada como unha gota de chuvia caendo lentamente sobre as pedras. Representa a paixón do intre, o poder dun ser vivo que aparentemente non é poderoso. Nesta flor vemos a delicadeza condensada, a tristura viva e alegre da cor vermella. A poesía e a beleza dormen –e espertan– xuntas.

TEXTO: LUPE GÓMEZ – FOTO: G.H.