Flor de Santiago, maxia da natureza en Toulouse

A Igrexa dos Jacobins, en Toulouse, acolleu o pasado 30 de maio a presentación da Flor de Santiago impulsada pola arquitecta e investigadora Ruth Varela.

O magnífico escenario seleccionado pola arquitecta compostelá para a exhibición desta xoia da natureza é célebre pola elegante bóveda que cubre por completo a sua cabeceira: o Palmier —a Palmeira—, unha bóveda nervada que brota dun único piar e ascende até 28 metros de altura. E precisamente foi baixo a sombra desta Palmeira, concibida orixinalmente como unha grande “árbore da sabedoría e da fe”, onde a arquitecta decidiu colocar unha delicada composición de fermosísimas flores vermellas que atraían a atención do espectador.

Á singular elección do escenario sumouse a elaboración dun exquisito proxecto de arquitectura efémera centrado en acentuar a riqueza espacial da igrexa, xunto á beleza e o simbolismo das flores. Ademais dunha delicada posta en escena da luz, traballada con vaporosas veladuras e deliciosas variacións de cor, brillo e luminosidade, o proxecto integraba as flores na narración iconográfica da igrexa. Non en van a Flor de Santiago debe o seu nome ao parecido coa cruz dos cabaleiros da Orde de Santiago, mentres que a Igrexa dos Jacobins foi a primeira sede da Universidade de Toulouse, acolleu unha capela dedicada a Santiago o Maior, e aínda conserva as reliquias de Santo Tomás de Aquino.

Nas mesmas datas nas que antano os estudantes acudían a este templo a honrar a Santo Tomás, o seu patrón, os visitantes de Jacobins puideron gozar dunha experiencia e unha visión privilexiadas, grazas á instalación dun gran mesado-espello circular de 38 m2 colocado arredor da parte inferior do tronco da Palmeira. Unha extensa superficie especular na que de forma inesperada, ao achegarse a ela, aparecían reflectidas as flores, o espectador e a bóveda, que acadaba aquí unha profundidade de visión de 28 metros.

A exótica, solitaria e maxestosa Flor de Santiago converteuse así nun fermoso himno visual, nunha invitación á contemplación, tal e como a entendía o filósofo Paul Tillich quen sostiña que contemplar era ir “á esfera do sagrado, á raíz profunda das cousas, ao seu campo creativo”.

Por último cabe resaltar que a montaxe expositiva realizada en Jacobins ten recibido tres premios do Colexio Oficial de Arquitectos de Galicia e un recoñecemento nas XVIII Journées Européennes du Patrimoine, en Francia.

TEXTO: FDS

21/01/2009