Flor de Santiago
Notas históricas

Flor de SantiagoFlor de Santiago¹ é o nome común que designa a unha das flores de maior beleza e de maior pregnancia simbólica do reino das plantas. Unha flor que chega até nós co apelido botánico de Formosissima, que significa “a máis fermosa” (adxectivo concedido polo ilustre botánico sueco Carl von Linné en 1753).

A Flor de Santiago é unha flor exótica, solitaria e maxestosa de extraordinaria beleza pero tamén, e sobre todo, a Flor de Santiago é un “elemento de comunicación simbólica” debido á súa cor vermella e á súa forma en cruz. O nome orixinal, en lingua náhuatl, Atzcalxóchitl, é o primeiro berce simbólico desta Flor, orixinaria de México, que estaría presente no seu tempo nos grandes centros cerimoniais de Mesoamérica, como no Cerro de la Estrella, e nos Xardíns Botánicos Reais, como o de Moctezuma II.

A finais do século XVI a Flor viaxará a España no interior dunha “arca de madeira”, co delicado material da Primeira expedición naturalista financiada pola Coroa Española. A partir dese momento a exaltación relixiosa da Flor non tardaría en producirse. A flor atzcalxochitl, a fermosísima flor roxa en forma de cruz, era bautizada como “Flor de Santiago” polo seu parecido coa Cruz dos Cabaleiros da Orde de Santiago. A fervorosa mensaxe bautismal, pronunciada polo médico hispano-luso Simón de Tovar, sería inmediatamente difundida alén das fronteiras españolas polo afamado naturalista flamengo Charles de l´Écluse.

Tras este episodio, e a partir do século XVII, a Flor de Santiago chegará aos Xardíns máis importantes de Europa, entre eles ao selecto Xardín da Basílica de San Pedro, converténdose deseguida nun obxecto de culto das elites europeas, nun sinal de espiritualidade, de cultura, de gusto e de distinción. E así acontecería tamén en Galicia, onde o noso sabio ilustrado Frei Martín Sarmiento recollería un bulbo para plantalo na súa cela do Mosteiro de San Martín. Sarmiento describiría a Flor como “hermosísima de color fuego, que parece lilio y no es”. Asemade, a principios do século XIX un dos Cóengos da Catedral de Santiago, o botánico Pierre-André Pourret, levaría a Flor para admirala ao seu Xardín compostelán.

Entre os personaxes que admiraron a Flor de Santiago ou que a introduciron na súa obra cabe destacar a Rousseau, Thomas Jefferson, Goethe, Bocage, Runge, Rückert, Erasmus Darwin, Emily Dickinson ou a nosa Emilia Pardo Bazán. Apartado especial merecerían as fermosas láminas botánicas realizadas por artistas como Mary Delany, Pierre-Joseph Redouté e Paul Landacre, entre outros.

A recuperación da Flor de Santiago abre un novo espazo simbólico de extraordinaria riqueza e de extraordinaria beleza para a cidade de Santiago de Compostela, para Galicia e para o culto xacobeo.

© Ruth Varela, 2009

¹Nome científico actual: “Sprekelia formosissima (L.) Herb.”.

Queda totalmente prohibida a reprodución total ou parcial deste documento, así como a xeración de obras derivadas, sen o permiso expreso da autora.