Feijóo recoñece na Flor de Santiago un novo símbolo do Xacobeo e propón aproveitar o seu potencial de cara ao ano santo 2021

  • Destaca e agradece o traballo da arquitecta e investigadora Ruth Varela por rescatar do esquecemento este exemplar.
  • Afirma que esta obra abre un novo espazo simbólico para afondar na importancia do efecto xacobeo no mundo e da pegada de Galicia nas distintas culturas.

O presidente do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, recoñeceu hoxe na Flor de Santiago un novo símbolo do Xacobeo e propuxo aproveitar o seu potencial de cara ao ano santo 2021. “Estamos a falar dunha flor que alberga desde a súa mesma esencia a espiritualidade do fenómeno”, aseverou, recordando o seu parecido coa Cruz da Orde de Santiago.

Durante a presentación do libro Flor de Santiago, Feijóo destacou e agradeceu o traballo da arquitecta e investigadora Ruth Varela por rescatar do esquecemento este exemplar. “Polo esforzo que supón tanto tempo de estudo, durante o cal manexou máis de 5.000 fontes documentais en máis de doce idiomas, incluída a lingua indíxena de México, desde onde chegou esta flor a España a principios do século XVII”, abundou.

O responsable do Goberno galego concluíu afirmando que con esta obra, a autora dá a oportunidade de que o fenómeno xacobeo sexa unha experiencia para os cinco sentidos e abre un novo espazo simbólico para afondar na importancia do efecto xacobeo no mundo e da pegada de Galicia nas distintas culturas desde hai séculos.

 

Goberno galego – Departamento: A Presidencia da Xunta – 19/12/2017