Libro Flor de Santiago

Libro Flor de SantiagoEsta é a historia da fermosa atzcalxōchitl, a «flor de esplendor vermello», unha flor sagrada para os aztecas que foi descuberta e rebautizada polos españois co nome de Flor de Santiago.

Atzcalxōchitl é unha flor que viaxa de México a España no século XVI e que incorpora á súa denominación europea o nome de Santiago; un apelativo universal e ecuménico que ilumina o imaxinario simbólico de Europa e de América, de Galicia e de México; da Compostela galega e daqueloutra Compostela fundada polos españois no Reino de Nueva Galicia, no occidente do México antigo.

A Flor de Santiago é unha flor exótica, solitaria e maxestosa de extraordinaria beleza pero tamén, e sobre todo, a Flor de Santiago é un elemento de comunicación simbólica grazas á súa cor vermella e á súa inusual forma en cruz. O nome orixinal en lingua nāhuatl, atzcalxōchitl, é a primeira referencia simbólica desta flor, que estivo presente nos grandes centros cerimoniais de Mesoamérica, como no Cerro de la Estrella, e nos Xardíns Botánicos Reais, como o de Moctezuma II.

Descubrir a orixe e o significado do nome europeo desta flor foi un dos obxectivos desta obra; unha viaxe de exploración histórica que desvela que detrás de cada nome botánico existe non soamente unha determinada visión do mundo senón tamén un fascinante relato cultural.

Atzcalxōchitl, a Flor de Santiago, é unha flor rodeada de memoria, de historia, de misterios e de beleza; un suxeito histórico apaixonante, moldeado, no seu berce simbólico, pola sabedoría poética dos pobos indíxenas do México antigo.

Comprar

Características da publicación

A publicación, unha edición de luxo concebida para agasallo, conta con máis de 150 ilustracións, entre as que destacan os fermosos códices mesoamericanos, a cartografía, e as fotografías e láminas da Flor de Santiago. O conxunto das imaxes permite trazar un discurso visual, que se entrelaza co textual, e que despois de achegarnos á cultura mesoamericana entra en Europa polo porto de Sevilla e remata na cidade de Compostela.

Coeditada polo Colexio Oficial de Arquitectos de Galicia (COAG) e a editorial Flor de Santiago, a obra conta cun innovador deseño gráfico realizado pola cooperativa italiana Alpaca, con sede en Ferrara. Asemade, a tipografía seleccionada para o texto, Zenon, unha interpretación contemporánea de obras mestras da tipografía do renacemento, é unha fonte de alta lexibilidade concebida para ofrecer unha lectura plácida e sen fatiga visual.

O libro é o resultado dun extenso traballo de investigación que se prolongou durante dez anos e nos que a autora revisou máis de 5000 fontes bibliográficas de preto de 300 repositorios, bibliotecas e arquivos.

Máis de 40 bibliotecas e museos, públicos e privados, de Europa e América, −España, Italia, Francia, Reino Unido, Bélxica, Austria, Polonia, Estados Unidos, Canada e México− cederon imaxes dos seus arquivos; algunhas delas inéditas. Entre estas institucións atópase a Biblioteca Nacional de España, a Biblioteca Histórica da Universidad Complutense de Madrid, a Biblioteca Hispánica de la AECID o Museo de América de Madrid, a Biblioteca Nazionale Centrale di Firenze, a Bibliothèque de l’Assemblée nationale de Paris, a Bibliothèque Nationale de France, a University of Oxford, a Leiden Universiteit, a ÖNB de Viena, a Biblioteka Jagiellońska, Kraków de Polonia, o Getty Research Institute de Los Angeles, o Missouri Botanical Garden, a New York Public Library, os Smithsonian Institution Archives a University of Toronto, ou a Mapoteca Manuel Orozco y Berra de México. Ademais a obra incorpora 16 imaxes e debuxos inéditos pertencentes ao arquivo do proxecto cultural Flor de Santiago e realizados en exclusiva para esta ocasión.