Converten a Flor de Santiago en obra de arte

A sala do Grupo Correo Galego acolle unha mostra que reivindica esta planta como símbolo da cidade

Formou parte do tesouro botánico azteca e estivo presente nos grandes centros cerimoniais de Mesoamérica. Así arranca a historia da Flor de Santiago, segundo o estudo de Ruth Varela en torno ao que xira o proxecto expositivo inaugurado onte na sala Espazo de Arte do Grupo Correo Galego, nun acto presidido polo xefe do Executivo galego, Núñez Feijóo, que o cualificou de “grande acontecemento”.

A mostra, articulada en torno a un exemplar ao natural da flor, que se exhibe no centro da sala, inclúe seis fotos de Pablo Carreño coas que se quere “reivindicar a flor como símbolo da cidade”.

Tras as palabras de benvida do presidente do consello de administración do Grupo Correo Galego, Antonio Castro, que cualificou de “milagrazo” a recuperación da planta, o escritor Miguel Anxo Fernán-Vello celebrou “esta xoia recuperada, esta alfaia dá natureza que por vez primeira na historia contemporánea, volve medrar e exhibirse”.

Trátase, dixo, dunha flor que “regresa na historia e no tempo na súa feliz materialidade”, xa que, como recordou, “os seus primeiros bulbos foron localizados en Israel grazas a un proxecto de investigación e de recuperación simbólica con máis de cinco mil fontes documentais revisadas en doce idiomas”.

A investigadora Ruth Varela, pola súa banda, dedicou a súa intervención a repasar os pasos claves da súa investigación, percorrendo a historia da planta.

Finalmente, o presidente da Xunta pechou o acto felicitando aos artífices do proxecto por “converter esta flor na expresión dun sentimento colectivo” e á cidade de Santiago “porque poucas cidades do mundo poden presumir de ter unha flor que a simbolicen”.

TEXTO: ANA IGLESIAS – SANTIAGO

El Correo Gallego 25/5/2010