Alfaia da natureza

A Flor de santiago regresa ao mundo occidental a través do Espazo de Arte do Grupo Correo Gallego como símbolo de Compostela e dos vínculos entre Europa e América

Como unha ponte entre Europa e América definiu onte o presidente do Consello da Cultura Galega (CCG), Ramón Villares, a Flor de Santiago, presentada onte no Espazo de Arte do Grupo Correo Gallego polos tres impulsores da súa recuperación, a arquitecta Ruth Varela, o editor Miguel Anxo Fernán-Vello e o poeta Salvador García Bodaño. Canda eles estivo no acto, xunto ao presidente do Consello de Administración do Grupo, Antonio Castro, o máximo responsable do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, que loou a iniciativa como un grande acontecemento.

A presentación serviu para inaugurar o pro­xecto expositivo arredor desta peza singular da botánica, que inclúe unha serie de seis fotos de Pablo Carreño co obxectivo de “reivindicar este exemplar como sím­bolo da cidade”.

A Flor de Santiago, oriúnda da homónima cidade do estado mexicano de Nueva Galicia, formou parte do tesouro vexetal azteca e estivo pre­sente nos grandes centros cerimoniais de Mesoamérica. Tras máis de tres séculos de esquecemento, a arquitecta Ruth Varela -especialista en arquitectura efémera- devolveuna á luz cun documentado traballo e onte obsequiáronse os asistentes cos bulbos da planta.

Tras as palabras de Antonio Castro, que cualificou de “milagrazo” a recuperación da planta, Miguel Anxo Fernán Vello agradeceulle ao Grupo Correo Gallego o seu apoio á iniciativa e celebrou “no corazón da vella cidade de Compostela, esta xoia recuperada, esta alfaia da natureza que, por vez primeira na historia contemporánea, volve medrar e exhibirse”.

Trátase, engadiu, “dunha flor que regresa na historia e no tempo e que regresa tamén na súa feliz materialidade. Os seus primeiros bulbos foron localizados no seu momento en Israel, grazas a un proxecto de investigación e de recuperación simbólica, con máis de cinco mil fontes documentais revisadas en doce idiomas”.

Ramón Villares, pola súa banda, lembrou o trafego continuo entre Europa e América desde o descubrimento do novo continente e a estreita relación de Galicia con ese intercambio. Nese capítulo, lembrou de xeito especial as achegas do millo e mais da pataca como elementos que calmaron a fame do pobo, pero tamén esta flor que obedece a unha cuestión máis estética pero non menos importante que o ouro.

Ruth Varela fixo un balance da peripecia histórica de Atzcalxochitl, nome orixinario en América dunha flor que chegou por vez primeira á península no 1577, bautizada nese mesmo instante como Narcissus indicus jacobeus polo botánico hispano-luso Simón de Tovar.

Salvador García Bodaño salientou “a suxestiva beleza da súa incríbel estrutura harmónica e colorista” da flor que “veu xurdir entre nós co seu feitío fascinante dende os remotos horizontes do descoñecido e dende os espazos frondosos de ignotas xeografías, para converterse, nos nosos días, no símbolo floral da cidade de Santiago”.

Para Bodaño, podería dicirse que é “a máis fermosa de todas cantas flores existen no mundo. Xunto ao seu nome máis común leva o apelativo que a funde co gran mito occidental da cristiandade e con aqueles seus destemidos gardiáns a cabalgaren coma o vento nas sendas xubilares do medievo”.

PALABRAS DO PRESIDENTE

Feijóo, contra a imposición pública

O acto pechouse coa intervención de Alberto Núñez Feijóo quen subliñou: “Xa que o tempo é o único refuxio posible para os símbolos e o pobo o seu único gardián, hoxe podemos dicir que a Flor de Santiago está de noraboa. Estou certo de que calquera tentación de redescubrila estaría condenada a un protagonismo discreto se foramos os poderes os que teimaramos en impoñelo.”. Por sorte para as aspiracións de futuro da Flor de Santiago, engadiu o presidente galego, “é a máquina do tempo e é a vontade popular a que nos reúne aquí. Como ocorre sempre cos símbolos que perviven, as raíces desta cita hainas que buscar no pasado e a razón no desexo da xente de recuperar as glorias pretéritas para o porvir”.

TEXTO: MARÉ – SANTIAGO

Galicia Hoxe 25/5/2010