Flor de Santiago History

Notas históricas sobre a Flor de Santiago

Flor de Santiago é o nome común que designa a unha das flores de maior beleza e de maior pregnancia simbólica do reino das plantas. Unha flor que chega até nós co apelido botánico de Formosissima, que significa “a máis fermosa” (adxectivo concedido polo ilustre botánico sueco Carl von Linné, en 1753). O nome botánico completo dado por Linné, Amaryllis formosissima, vén a significar: que resplandece como a máis fermosa.

A Flor de Santiago é unha flor exótica, solitaria e maxestosa de extraordinaria beleza pero tamén, e sobretodo, a Flor de Santiago é un “elemento de comunicación simbólica” debido á súa cor roxa e á súa forma en cruz.

A Flor de Santiago formaba parte do Tesouro Botánico azteca e estaba presente nos grandes centros cerimoniais de Mesoamérica (como no Cerro da Estrela); e nos Xardíns Botánicos Reais, coma o de Moctezuma II. A Flor de Santiago era unha das flores máis apreciadas do mundo azteca e estaba asociada á arte e á poesía; aínda que tamén posuía usos medicinais. O nome orixinal azteca era Atzcalxóchitl.

A Flor de Santiago forma parte da Flora Novogaliciana e chega a nós dende os territorios recén conquistados, por Nuño de Guzmán, de Nueva Galicia, con capital en Compostela de Nayarit, México.

A Flor inicia así unha viaxe de destino e final sorprendentes: de Compostela a Compostela, de Nueva Galicia a Galicia; saíndo de México en 1577, co delicado material da primeira expedición naturalista financiada pola Coroa Española, dirixida polo sabio Doutor toledano Francisco Hernández. A Flor chegará a España no interior dunha “arca de madeira” a bordo da mesma nave na que viaxaba o ilustre doutor Hernández.

O episodio do bautizo da Flor de Santiago acontece á súa chegada a Europa. A finais do século XVI as naves con plantas americanas entraban até o porto de Sevilla, posteriormente faríano até Cádiz, Coruña e Santander, e moitas delas pasaban a formar parte dos importantes Xardíns de aclimatación privados da cidade, comparables naqueles momentos aos Xardíns Reais. Os propietarios destes Xardíns eran un núcleo erudito de científicos entre os que figuraban destacados representantes do humanismo renacentista. Algúns deles eran Cabaleiros da Orde de Santiago. Neste contexto, o bautizo, a exaltación relixiosa, da Flor de Santiago non tardaría en producirse.

A flor atzcalxochitl, a fermosísima flor roxa en forma de cruz, era bautizada como “Flor de Santiago” polo seu parecido coa Cruz dos Cabaleiros da Orde de Santiago.

E para lanzar esta mensaxe bautismal a Europa, nada máis eficaz que poñela en coñecemento do maior difusor da información científica do século XVI: Charles de l´Écluse; o afamado naturalista flamenco.

Nunha carta datada en marzo de 1596 o doutor hispano-luso Simón de Tovar escribe dende Sevilla a Charles de l´Écluse:

… “En cuánto al Narciso llamado por mí Jacobeo, paso a describírselo con indicaciones breves.. Esta planta es llamada en las Indias Occidentales, de donde nos la han traído, Azcal Xochitl. Seguidamente Tovar describe con detalle a planta para rematar dicindo sobre á súa flor: “una flor muy grande de un color rojo subido, de modo que su forma y color me recuerdan la espada que llevan los caballeros de Santiago en su atuendo, y de ahí que yo pensara en darle el nombre de Narcissum Indicum Jacobeum.” (A partir deste momento Tovar e os Cabaleiros da Orde de Santiago referiríanse á Flor co nome castelán de Flor de Santiago).

A transmisión das boas novas sobre a chegada dende América desta fermosísima Flor xacobea vai producirse inmediatamente grazas ás extensas redes epistolares que comunicaban aos personaxes máis relevantes de Europa e grazas á publicación en 1601 do libro Rariorum plantarum historia, editado polo propio Clusius.

A partires dese momento o prestixio da Flor de Santiago, comeza a dispararse pasando a ser un dos obxectos máis cobizados dos Xardíns dos Palacios Reais, dos Botánicos das Universidades e dos Gabinetes de curiosidades; converténdose nun obxecto de culto das elites europeas, nun sinal de espiritualidade, de cultura, de gusto e de distinción.

A Flor comezará a facer estalar por toda Europa e Norteamérica sinais de devoción e manifestacións artísticas, literarias e poéticas. A Flor vai ser interpretada e celebrada, nos manuais de arte cristián, como a “contribución da Botánica á glorificación do Apostol Santiago”.

A partires do século XVII a Flor de Santiago chegará dende o Xardín Real de España aos Xardíns máis importantes de Europa (algúns de recente creación): ao Xardín do Rei de Francia, en París; aos grandes Xardíns das dinastías financeiras en Alemania; aos Xardíns dos zares de Rusia; ao Xardín Real de Inglaterra; ao Xardín do Palacio do Príncipe Eugenio de Saboya, en Viena; aos Xardíns Papais e Cardenalicios de Roma: ao Xardín do Cardeal Farnesio e por suposto ao selecto Xardín da Basílica de San Pedro. E a partires de mediados do século seguinte o mesmo furor levaría á Flor até os Xardíns burgueses máis distinguidos de Europa e Norteamérica.

O prestixio da Flor fixo que pronto acadara en tódalas linguas a denominación xacobea:

Nomes comúns: Flor de Santiago (español e galego), Jacobean lily, St. James cross (inglés), Lis de Saint-Jacques, Croix de Saint-Jacques (francés), Jakobslilie (alemán), Jakobslilja (sueco), Jakabliliom (húngaro), Jaakopinlilja (finés ou finlandés) (suomi), Giglio di San Giacomo, Croce di San Giacomo (italiano), etc

Nomes científicos: Narcissus Indicus Jacobeus (1601) (Charles de l´Écluse); Lilio-narcissus Indicus Jacobeus (1732) (Johann Jacob Dillenius); Amaryllis formosissima (1753) (Carl von Linné); Sprekelia formosissima (1821) (William Herbert).

Como non podía ser doutra maneira o capítulo galego da Flor de Santiago está dedicado a Frei Martín Sarmiento. Sarmiento observaba cada obxecto da Historia natural coma se fose un verdadeiro poema. Na súa última viaxe a Galicia, Sarmiento coñece a Flor en Pontevedra, nun fermoso Xardín achegado á Praza da Leña, e tamén no Mosteiro de Poio. Sarmiento levaría os bulbos da Flor ao seu pequeno Xardín botánico de San Martín en Madrid. En marzo de 1576 planta na súa cela o primeiro bulbo desta Flor que describe como “hermosísima de color fuego, que parece lilio y no es”.

O 1 de xuño de 1756 a Flor de Santiago florece por primeira vez na cela de Frei Martín Sarmiento. Quizais grazas aos esforzos de Sarmiento, a boa vila de Pontevedra sería o único lugar de Europa onde hai constancia de que a Flor conseguiría naturalizarse.

A Flor de Santiago chegaría aos conventos de Compostela a partires do século XVII e alí faríase aínda máis presente a repetida consigna dos poetas: “É imposible mirala sen admirala”. “O exercicio cotián da Botánica era considerado naquela época como unha perpetua oración ao Creador”. “A identificación de Deus e Natureza arrastraba aos clérigos ao estudo e á devoción polas plantas”. A principios do século XIX un dos Coengos da Catedral de Santiago, o botánico Pierre-André Pourret, levaría a Flor para admirala ao seu Xardín privado de Pitelos.

O prestixio acadado pola Flor de Santiago en Norteamérica, incorporada á Historia romántica da Flora americana, ten a súa orixe no entusiasmo que a Flor espertou no terceiro presidente dos Estados Unidos de América: Thomas Jefferson.

Jefferson recibe como regalo 6 bulbos da Flor de Santiago, do seu mentor en xardinería o irlandés Bernard MacMahon. O 18 de abril de 1807 o presidente americano planta a Flor no Xardín da súa residencia en Monticello, Virginia. Na actualidade a Flor segue plantada no mesmo lugar escollido por Jefferson; na única residencia americana declarada Patrimonio da Humanidade.

A continuación faise unha breve selección dalgúns dos personaxes que introduciron a Flor de Santiago na súa obra: Frei Martín Sarmiento, Rousseau, Erasmus Darwin, Goëthe, Bocage, Runge, Rückert, Emily Dickinson ou a nosa Emilia Pardo Bazán. Apartado especial merecerían as fermosas láminas botánicas realizadas por artistas como Mary Delany; Pierre-Joseph Redouté; Paul Landacre, etc.

A recuperación da Flor de Santiago abre así un novo espacio simbólico, de extraordinaria riqueza e de extraordinaria beleza, para a cidade de Santiago de Compostela, para Galicia, e para o culto xacobeo.

© Ruth Varela 2009


Queda totalmente prohibida a reprodución total ou parcial deste documento, así como a xeración de obras derivadas, sen o permiso expreso da autora.

[flordesantiago] on Twitter[Flor de Santiago] on Facebook[Flor de Santiago] RSS Feed[info@flordesantiago.com] Email