Cultivo

Consellos básicos para o cultivo da “Flor de Santiago”

A Flor de Santiago é unha planta ornamental, con propiedades medicinais, que produce unha única e fermosísima flor solitaria de intensa cor vermella escarlata por cada talo (escapo). Excepcionalmente o mesmo bulbo pode florecer dúas ou até tres veces de forma consecutiva, en intervalos espazados unha ou dúas semanas aproximadamente.

DESCRICIÓN DA PLANTA:

Nome científico: Sprekelia formosissima (L.) Herb.

Nome vulgar: Flor de Santiago

País de orixe: México

Clima de orixe: subtropical

Tipo de planta: herbácea, perenne e bulbosa.

Tamaño da planta: entre 20 e 45-50 cm de altura.

Ambiente: interior / exterior.

Dificultade dos coidados: pouca

Duración da flor: 1- 2 días.

Hora de florescencia: tarde-noite.

Número de flores por bulbo: 1

Tamaño da flor: entre 13 e 18- 20 cm.

Cor da flor: escarlata intenso punteado cun finísimo e escintilante po dourado.

Forma da flor: flor solitaria con 6 tépalos vermellos en forma de cruz. As flores son bilateralmente simétricas, como as orquídeas. Os 6 tépalos son libres e moi similares; 3 erectos e curvados cara atrás e outros 3 colgantes cara abaixo.

Forma e cor das follas: verdes e estreitas como unha cinta.

Tipo de bulbo: bulbo globoso tunicado, de aproximadamente 5 cm de diámetro e cor exterior parda escura ou negra. Calibres comerciais: 14/16: 1 talo floral por bulbo. 16/+: 1- 2 talos florais por bulbo e maior tamaño de flores.


CULTIVO

Época de plantación

En interior durante todo o ano.

En exterior dende o inicio da primavera e até o principio do outono en climas suaves e húmidos. Pódese tomar como referencia o seguinte rango de temperaturas: mínimas por riba de 10ºC e máximas por debaixo de 35ºC.

Tipo de substrato

Livián, de moi boa drenaxe e rico en nutrientes. Por exemplo: 1/3 de area, 1/3 de terra de folla e 1/3 de manto de queiroa (brezo).

Tipo de maceta

O volume da maceta será de aproximadamente dous litros, preferiblemente máis alta que ancha. As macetas permeables son máis axeitadas e sobre todo as que están libres de substancias químicas na composición dos seus materiais base. A maceta seleccionada terá burato de drenaxe no fondo.

Modo de plantación

Empregar unha maceta para cada bulbo.

Plantar directamente na maceta deixando aproximadamente unha terceira ou cuarta parte do bulbo fóra do substrato. Poñela ao sol ou nunha situación de abrigo á caloriña para favorecer a saída do brote.

A planta tardará entre 3 e 5 semanas en florecer dende o momento da plantación. Normalmente o escapo da flor sae adiantado con respecto as follas. Unha vez murche a primeira flor pode dar unha segunda e até unha terceira, xa de xeito moi excepcional e en bulbos de máis de tres anos e calibre de +16.

O bulbo pode quedar até tres anos sen desplantar na mesma maceta, pero ten que quedar protexido das xeadas do inverno. De deixala no xardín lembrar que non resiste temperaturas por debaixo dos 5 grados sen protección invernal (acolchado protector ou mulch).

Rego

Moderado a normal.

1-   Regar moderadamente no momento da plantación.

2-   Agardar até que comece a xerminar a planta sen engadir máis auga excepto se o substrato seca demasiado.

3-   En canto a planta brote ir aumentando os regos de moderado a normal progresivamente.

4-   Despois do fin da floración espazar os regos pero sen deixar secar completamente o substrato.

5-   Cando as follas estean completamente murchas e amarelas deixar de regar e colocar a maceta nun lugar de temperatura entre 9 e 13 ºC para que a planta entre no período de repouso até o ano seguinte; ou proceder a almacenar o bulbo convenientemente.

6-   De deixar a planta no xardín coidar que a terra drene rapidamente para evitar a podremia do bulbo por mor do exceso de auga.

Emprazamento

Interiores con boa luminosidade.

Xardíns domésticos abrigados.

Emprazamentos exteriores ao sol directo ou con sombra lixeira.

Perigos

Roedores, toupas e caracois que apetecen do seu rico bulbo e/ ou follas.

Gatos que gustan de xogar a desplantar os bulbos.

Preparación para o almacenamento dos bulbos

Antes de almacenar revisaranse todas as unidades para evitar gardar bulbos que non estean en perfectas condicións.

Despois cortaranse os talos, follas e raíces. Destas últimas deixaranse aproximadamente 5 cm sen cortar.

Para finalizar os bulbos han de quedar limpos de terra e completamente secos.

Almacenamento dos bulbos

O bulbo pode quedar almacenado en bandexas, bolsas kraft, caixas ou outros sistemas que garantan a escuridade suficiente e o intercambio de vapor de auga.

A temperatura de almacenaxe será preferiblemente de 9ºC e como máximo de 11-13ºC.

O espazo de almacenaxe será independente e en ningún caso quedará compartido con outros bulbos, produtos alimenticios, froitas, etc. Asemade estará libre de olores fortes e substancias químicas agresivas.

Non amontoar nunca máis de dúas ou tres pías de bulbos para evitar podremias.

Cando as temperaturas mínimas do exterior sexan as axeitadas poderemos proceder a retirar os bulbos do almacén para plantalos de novo. Sempre é recomendable que os bulbos teñan descansado no almacén polo menos catro meses.

Método de multiplicación

Por división de bulbos durante o período de descanso. Estes pequenos “bulbiños” tardarán normalmente 3 anos en madurar o suficiente para botar flor. Os “bulbiños” poderán plantarse en grupos para coidar que vaian engordando ano tras ano.

Fonte: Elaboración propia cos datos observados en Galicia durante o período 2007-2010.

© Ruth Varela, 2009.

Queda totalmente prohibida a reprodución total ou parcial deste documento, así como a xeración de obras derivadas, sen o permiso expreso da autora.

[flordesantiago] on Twitter[Flor de Santiago] on Facebook[Flor de Santiago] RSS Feed[info@flordesantiago.com] Email